sábado, 21 de febrero de 2015

Santiago


Traio este mar de vento, un grito traio
ao teu campo de estrelas como espadas
que me creban as noites, as xeadas
sombras que deste tempo grito e traio.
Xa na altura de luz onde deixaches
unha fe e un camiño, un reino novo,
unha cruz e un sangue e ata un pobo,
ocúltase a semente que alumaches.
Hoxe aos teus ósos vagan paseniño
como un rabaño vello e maltratado:
ovellas que mordeu un lobo daniño.
Pero á túa estrela chego esperanzado:
de todas partes veño ao teu Camiño,
Fillo do trono, en ceo transformado.